Como xa vos contou Homero, non fai moito, fomos ó parque eólico de Sotavento . Alí, puxémonos a pensar e como non, atopamos enlaces da actualidade coa cultura clásica. Cando estabamos alí vimos unha especie de póster que poñía: dicionario Eólico. Eólico?? A que viría iso??

Pois ben, esta palabra ven de Eolo.

Na historia existiron tres Eolos diferentes, pero o mais coñecido era o gardián ou deus dos ventos. Era fillo de Hípotes e os seus avós eran Ame e Poseidón. Este vivía nunha illa flotante, Eolia, cos seus seis fillos e seis fillas.

Zeus déralle o poder de controlar e provocar os ventos. Eolo tíñaos encadeados nun profundo antro onde os gobernaba, con dominio absoluto, liberándoos e apresándoos ó seu antollo, xa que tódolos ventos vagando sen rumbo poderían provocar graves desastres na terra, no ceo e nas augas.

Eolo é o responsable do control das tempestades, e os deuses, pedíronlle nalgúns casos axuda; como fixo Hera para evitar que Eneas (fundador de Roma despois de escapar de Troia durante a guerra cos aqueos) desembarcase en Italia.

Tamén axudou ó heroe grego, Odiseo, que o visitou ó volver a Ítaca. Odiseo foi recibido coma un hóspede de honra. Como regalo de despedida, Eolo, deulle un vento favorable e regaloulle un odre de coiro que contiña tódolos ventos no seu interior e que debía ser utilizado con coidado. Sen embargo, a tripulación de Odiseo, creeu que o seu capitán non lles deixaba tocar a bolsa porque contiña ouro e quería gardalo todo para el; polo cal a abriron provocando graves tempestades. A nave acabou,de novo, nas costas de Eolia; pero o deus negouse a axudalos por desobedecer ás súas ordes e por comportarse coma uns desagradecidos.

Eolo soe ser representado empuñando un cetro como símbolo da súa autoridade e rodeado de turbulentos remuíños, os ventos, cada un dos cales é un deus.


Láquesis